Galicia (ou Galiza) é un territorio situado no extremo noroeste da península ibérica. Forma parte do Estado español co rango de nacionalidade histórica, através do cal tamén pertence á Unión Europea.
Chega á situación actual através dos séculos despois de constituir un reino medieval e ser recoñecida como nación no ano 1933, conformando un dos territorios coñecidos como nacións sen estado.
A língua propia de Galicia é o galego, idioma romance derivado do latín, de orixe común co portugués e similar a outros romances ibéricos tais como o castelán ou o asturiano. Arredor do mundo, esta língua é falada por máis de 3 millóns de persoas, o que a fai ocupar o lugar 146 (en relación ao número de falantes) das case 7.000 línguas do planeta e converterse nunha das 6 línguas máis usadas do mundo se a unimos ao portugués. Na comunidade autónoma galega comparte oficialidade co castelán, que é língua oficial en toda España.
Galicia ten unha poboación de 2.718.525 habitantes (con unha densidade de 92,94 h/km2) espallados por 29.574 km2 e 314 concellos entre os que caben salientar pola súa poboación, Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela (a capital), Pontevedra e Ferrol.
A bandeira galega actual ten fondo branco e presenta unha franxa azul desde o ángulo superior esquerdo até o inferior dereito. O escudo, presente na bandeira, trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro de xefe. O timbre, coroa real, cerrada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de pérolas, e das súas follas saen cadansúas diademas sumadas de perlas, que converxen nun mundo de azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro. A coroa, forrada de gules ou vermello.
Na xeografía galega é de salientar o contraste entre o relevo costeiro e o de interior, máis elevado có primeiro. Tamén contrasta a morfoloxía entre as chairas elevadas setentrionais e as serras e depresións meridionais. O aspecto orográfico que presenta Galicia no seu interior é de montañas baixas e romas, con multitude de ríos, estruturados como tributarios do río Miño.
O litoral galego exténdese ao longo de 1.498 km dos que máis de 800 son cantís e 300 km son praias. A costa galega caracterízase pola presenxa das rías, indentacións na costa nas que o mar anegou vales fluviais por descenso do nivel terrestre. As rías están divididas tradicionalmente en Rías Altas (Ribadeo, Foz, Viveiro, O Barqueiro, Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Ares, Betanzos, A Coruña, Corme-Laxe e Camariñas) e Rías Baixas, ao sur de Fisterra, o punto máis occidental de Galicia (Corcubión, Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo. Ao longo da costa, atópanse pechando as rías multitude de arquipélagos salientables polos seus fondos mariños ou polas colonias de aves mariñas, ademáis de poder visitar neles algunha das praias máis espectaculares do mundo. Os arquipélagos das Ons e Cíes e as illas de Cortegada e Sálvora constitúen o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
O punto máis alto está situado na Pena Trevinca (2.127 m.). Na Cabeza de Manzaneda (1.778 m.) atópase unha estación de esquí e montaña.
Galicia é unha zona de transición entre tres climas e os seus biótopos: o Atlántico (con bosques de carballos, bidueiros, amieiros…), o Mediterráneo (nomeadamente nos vales interiores dos grandes ríos, con matogueiros de estevas, sobreiras, érbedos…) e o Continental (con elementos puntuais como teixos, acivros ou abetos). Por causa do clima benigno, tamén se dan con facilidade especies subtropicais e mesmo tropicais.
Todos os camiños veñen a Galicia
O Camiño de Santiago, ou Camiño de Europa foi, e segue sendo, sen dúbida, a ruta máis antiga, máis concorrida e máis celebrada do vello continente. Santiago tamén compartiu a atracción dos camiñantes e andadores de todos os tempos pero, ademais, creou unha ruta, fixo un Camiño. A Santiago e a Galicia pódese chegar de moitas maneiras, pero a mellor forma de vir é polo Camiño de Santiago. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998, respectivamente. Arredor das distintas vías que forman parte deste Camiño e das vías abertas pola romanización do país, artéllanse as vías de comunicación terrestre que hoxe comunican os 314 concellos e case 30.000 núcleos de poboación que conforman o país dos 1.000 ríos, onde a choiva é arte e a maxia forma parte da paisaxe.
Galicia conta con 3 aeroportos, situados no norte, centro e sur do país, máis próximos ao eixo litoral:
Aeroporto Rosalía de Castro (SCQ) Santiago de Compostela, antigamente coñecido como Lavacolla
Aeroporto Vigo-Peinador (VGO) Vigo
Aeroporto de A Coruña (LCG) A Coruña, antigamente coñecido como Alvedro.
Ademáis, existen en Galicia 122 portos e instalacións portuarias, nos que se desenvolven actividades pesqueiras, marisqueiras, comerciais e náutico-deportivas. Entre eles, 6 son de interese xeral e están xestionados polas súas respectivas autoridades portuarias: porto de Ferrol-San Cibrao, porto da Coruña, porto de Vilagarcía, porto de Marín e porto de Vigo.